Bravo Celta

https://www.farodevigo.es/cds-statics/assets/img/logos/logo-regionales-faro-de-vigoOG_.png

Marcelino García Toral, no seu partido 400 en primeira división, non agardaba atopar un Celta tan bravo. O veterano adestrador do Villarreal, con vinte e oito tempadas nas costas, probablemente, preferiría agora terse enfrontado a aquel Celtiña conformista e amable de Benítez da primeira volta no estadio da Cerámica, ao que gañaron por un axustado 3-2. Un Celta virado agora polo debutante Claudio Giráldez nun cadro afouto e incómodo, orientado con toda a determinación a obter os tres puntos e liscar a lume de carozo das posicións de descenso. Foi o de onte un encontro emocionante e fermoso para os vinte mil celtistas que acudimos ao coliseo do Fragoso, xa que houbo alternativas na lameira e no marcador, goles ben bonitos nas dúas portarías e lances polémicos resoltos polo VAR, que mantiveron moi elevadas as pulsacións dos espectadores até esgotados os minutos de tempo engadido. Terceira vitoria de Giráldez, tamén terceira remontada, tan traballada como merecida, que deixa ao Celta en posición bastante segura, aínda que precise, probablemente, dunha nova vitoria nos catro partidos (difíciles) que restan da competición.

×